PRATA E BRONCE NOS CAMPIONATOS ZONAIS

Grandes éxitos os acadados esta última fin de semana en Vilagarcía de Arousa no Campionato Zonal Pontevedra Norte. Dita competición tería lugar ó longo dos dous días, sábado e domingo, e sería ésta unha oportunidade para ver algo máis de cerca o nivel de participantes a presentárense no próximo Campionato de Galicia 2010; Recordamos que é necesario pasar antes polos zonais para participar máis tarde nos galegos.

A C.D.PORTAS XADREZ enviaba 11 xogadores a esta importante cita (Dani, Brais, Christian, Inti, Sandro, Héctor, Juan, Antonio, Bárbara, Pablo e Alessandro), acadando posicións finais no ránking de gran interés.

Así, por exemplo, Pablo conseguía en categoría infantil a 6ª posición do campionato cun total de 4 puntos de 6 posibles, 5ª para Alessandro en cadetes (admirable a calidade de xogo amosada neste xogador), 7ª para Inti en alevíns, con 5 puntos de 8, 6ª para Christian en benxamíns, con 5 de 8… Xogadores que non puideron brillar igualmente foron Juan, Antonio e Bárbara, quen se mantivo no campionato sen destacar coma sempre. Mal acostumados nos ten Bárbara. O xoven xogador de infantís Antonio vai collendo experiencia no seu segundo ano de xogo. Agora ben, o máis destacado do fin de semana estivo en man dos brillantes xogadores: Dani en categoría “promesas” e Brais en benxamíns. Conseguiron chegar a una situación de campionato nunca antes conseguida: estar no seu poder na derradeira ronda de xogo gaña-lo tan ansiado Zonal.

Brais levaba 6 de 6 nas partidas xogadas, deixando atrás a algún xogador de gran clase, como a Jaime Martínez, xogador do Fontecarmoa que se alzaría co campionato máis tarde. A tensión e o cansanzo intelectual e físico farían que Brais perdera a 7ª ronda contra un xogador que levaba ata o momento 2 puntos menos ca él; xogouna demasiado rápido e … pasou o que pasou. Decatámonos de que o talentoso Brais disputaría as 4 partidas do domingo na primeira mesa de xogo, desfilando por ela o mellor do mellor. Inda así, mantiña tódalas opción de alzárense co título na derradeira ronda de xogo. O seu rival sería Pablo Ferreiro, gran xogador do Clube Xadrez Pontevedra, adestrado polo mestre internacional Daniel Rivera. A partida abríase correctamente, pero un descoido de Brais no medio xogo entregáballe dama e partida ó seu contrincante. Mentres isto sucedía, no outro lado atopábase Dani, capitaneando tamén a primeira mesa, quen chegaba a derradeira partida con mellores opcions que o seu compañeiro Brais. Era o único xogador da súa categoría que sumaba 6 puntos dun total de 7, o que quería dicir que lle bastábanl incluso as táboas para gañar. Comeza a partida e rápidamente se fai co control absoluto da mesma, podendo arrebatarlle a dama ó seu rival. Non só non o fixo, senon que a mala fortuna faría que o noso pequeno xogador desprazara unha das súas torres a unha “endemoniada” casiña na que, tras taponar ó seu alfil, deixaba o xogador do Fontecarmoa Miguel, a oportunidade de propiciarlle un mate na 8º liña. Non puidemos dicir a tan célebre frase… “O fútbol é así”, pero a verdade gañas non faltaron. A sorte final non puido estar cos de Portas, pero Dani e Brais conseguían para o Clube un enorme triunfo, a PRATA e o BRONCE nun prestixioso Campionato Zonal, antesala do Galego.

FELICIDADES POR ESCRIBIR ALGO MÁIS HISTORIA PARA A C.D PORTAS!!