08/04/2009   Campionato Galego Xadrez SUB-10, SUB 12 e SUB 16
Falan os participantes....

Son Brais Torres Alfonsín, e veño de participar no meu primeiro Campionato Galego en Padrón na categoría SUB-10. Fun capaz de sumar 5 puntos de 8, clasificándome como 10º mellor xogador de Galicia na miña categoría. Os meus adestradores están moi contentos cos resultados e actitude amosados nestes días. Eles enviáronme a este torneo para coller experiencia como xogador de primeiro ano, así que aproveitei a confianza depositada en min pelexando ata a derradeira rolda de xogo, conseguindo disputar nesta mesma unha pedazo segunda mesa, iso si, tendo que enfrontarme a todo un campión galego como é Alberto Portela, da Escola Karpov de Pontevedra. Fomos un total de 42 participantes, enviados como representantes dos diferentes clubes de Galicia. Comecei a miña primeira partida con victoria, necesitando para iso 100 xogadas e hora e media de duración … buff … tan difícil ía resultar gañar cada partida ???. Saía das partidas e analizábaas con Javi e Davi, aplaudíndome as boas xogadas e correxíndome aquilo mal feito. Pouco a pouco ía collendo maior seguridade e forza no campionato …. e ese foi o segredo de gañar 5 partidas. Xa estou agardando o ano que ven, e síntome amplamente respaldado polos meus monitores, que pensan e me din que podo chegar moi alto neste deporte. O tempo dirá …!!

Agora tócame a min …, son Héctor García Jamardo, teño 11 anos e fun un dos representantes de Xadrez Portas na categoría SUB-12 como xogador de segundo ano. O meu estilo de xogo é agresivo, buscando a combinación sempre que teña oportunidade. Aínda que esa maneira de plantexar o xogo é boa, ás veces suponme un pequeno tirón de orellas por parte de Javi e Davi, xa que me lembran constantemente que debo amarrar todos os cabos, tras previo análise e cálculo de xogo e antes de lanzar un feroz ataque contra o adversario. Algunhas das miñas mellores partidas neste Campionato seguiron esta liña, conseguindo así un gran logro persoal na miña carreira xadrecística, ó sumar 5.5 puntos dun total de 8, o que me permitíu acadar unha excelente posición de Nº7 do ránking galego (46 participantes). Non obstante, puiden acadar mellor posición, e lembrarei, aínda que a perdín, a partida xogada contra o gran xogador do Fontecarmoa Lucas Abal; todo o mundo lle daba por perdida a partida a Lucas, posto que chegaba ó final da mesma nunha posición inferior á miña, pero a veteranía deste gran campión demostrou unha vez máis ser decisiva, contra a falta de experiencia pola miña parte en saber afianzar unha partida máis que gañada. Tentarei mellorar neste aspecto, pero de momento, polo menos nestes días, disfrutarei do éxito acadado neste Campionato Galego de Senana Santa !!


Chámome Sandro César Padilla Picuasi, e fun outro dos representantes de Portas na categoría SUB-12. Atópome, por un lado, bastante satisfeito pola posición conseguida neste campionato, Nº12 de Galicia con 5 puntos, pero por outro síntome algo triste … A razón, vouvos contar: remataba o terceiro día de competición con 4 puntos sumados dun total de 6 partidas. Necesitaba puntuar na primeira das partidas do día seguinte, para con 5 puntos pelexar a derrardeira e tentar acadar así a elevada cifra de 6, puntuación ca cal subiría ó podium galego.Pero un problema de saúde, que comezara xa a mediados do terceiro día, e se prolongaría ata a mañá do martes, non me permitíu aguantar a partida, perdéndoa contra a actual Campioa Galega Sub-12, Inés Prado. Os meus adestradores faríanme ver na sala de análise que tivera a oportunidade nun momento concreto da partida para dirixila cara á victoria, ata me lembraba Javi os 35 minutos que estivera sen mover peza ó tempo que o meu brazo sostiña o peso da miña esgotada cabeza. En fin, son cousas que pasan !!


Cun sorriso sempre na cara estou eu, Juan Ramón Ocampo Rivas derradeiro xogador de Portas na Categoría SUB-12 do Campionato. Púxenlle gañas ó torneo, pero non conseguín acadar ó longo do mesmo a concentración e regularidade necesarias. Sumei un total de 3.5 puntos, situándome así na posición Nº29. Non por elo arrepíntome en algún momento de disputar este magnífico despregue de xadrez galego, xa que agora síntome con máis experiencia ca antes para competir noutros torneos.

 

E por último eu, Alessandro Nieto Luna. Decidín presentarme a este torneo exclusivamente para coller experiencia, posto que xa me advertiran Javi e Davi da problemática do Campionato Galego pola dureza do mesmo, debutando ademáis como xogador de primeiro ano na categoría SUB-16. Se un mira na táboa, pensará que os meus pasos polo Galego non foron nada bos (Nº60, 2.5 ptos/67 participantes), pero é moi enganoso. Coma sempre, tras cada partida analizaba cos meus monitores na sala de análise, e cal foi a miña rabia en numerosas ocasións ó darme conta de que puiden gañar moitas delas. Pero claro, nestes niveis un so erro é castigado con gran dureza, o que explica os meus resultados. Volvería repitir agora mesmo, con iso digoo todo !!